Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Fondo Galego é unha asociación de deputacións e concellos comprometidos cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global. Funciona como un espazo transpartidario e plural, inspirado pola vontade de consenso e colaboración. Os froitos deste traballo en rede contan co aval de institucións como a Fegamp e foron recoñecidos co Premio Consello Social UVigo-Humana da Universidade de Vigo.
Desde a súa constitución en 1997, o Fondo Galego ten apoiado uns 200 proxectos de cooperación para o desenvolvemento en máis de 30 países do Sur Global, entre os que destacan Nicaragua, Cuba, Perú, Cabo Verde e, nos últimos anos, outras zonas da África lusófona e os campamentos de persoas refuxiadas saharauís. Auga, vivenda, xénero, educación ou saúde son algúns dos eidos de actuación.
Outra das principais liñas de traballo da entidade é a sensibilización da veciñanza a prol da solidariedade internacional, a realidade dos países empobrecidos ou a equidade de xénero, co fin de promover o cambio cara sociedades máis xustas e inclusivas. Impúlsanse así diversas actividades de educación para a cidadanía global, que van desde exposicións e obradoiros ata teatro, concertos, charlas, etc.
Ademais, o Fondo Galego crea oportunidades de formación e intercambio de experiencias no eido internacional para o persoal político e técnico das administracións locais socias. Desde 2015, vén apoiando asemade a localización da Axenda 2030, pois progresar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas é tamén avanzar na xustiza social e na protección do planeta.
#oglobalélocal