25N. Día Internacional contra a Violencia de Xénero

O Concello de Boiro, a través da Concellería de Feminismo e Igualdade, organiza unha serie de actividades para conmemorar o 25N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O acto central terá lugar o xoves 25 ás 13.30 horas diante do Concello de Boiro, e vai consistir nunha lectura de poemas.

O Concello de Boiro convoca unha lectura colectiva dos poemas escollidos por Charo Lopes, Lucía Aldao e Nuria Vil a través das voces de representantes da Asociación Ambar, a Asociación Amixos, das mulleres do Centro de Día de Boiro e o alumnado de centos educativos de Boiro. O acto realizarase o xoves 25 de novembro de 2021 ás 13.30 horas diante da Casa Consistorial de Boiro.

Co obxectivo de mostrar unha resposta colectiva de rexeitamento das violencias de xénero e dos asasinatos machistas, colaborase coa Asociación Boirense de Empresarios para implicar ao tecido empresarial na difusión das campañas de sensibilización social contra as violencias de xénero. Con este obxectivo participase nas campañas “DE FRONTE contra a violencia de xénero”, que impulsa a área de Igualdade da Deputación da Coruña e En Negro contra as violencias, unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas.

Dende a área de Feminismo e Igualdade trabállase durante todo o ano en actividades e accións que teñen como obxectivo loitar contra a violencia machista. Este mes realízanse unha serie de charlas englobadas dentro do ciclo “Muller e saúde”, uns faladoiros gratuítos sobre saúde vinculada á cuestión de xénero. O venres 26 de novembro abordarase a temática sobre habilidades de manexo de estrés, impartida por Patricia Porrua Monterooso, psicóloga sanitaria, a partir das 16.30 horas no Centro Social de Boiro.

Durante estes días pode visitarse tamén no Centro Social de Boiro a mostra permanente Mulleres Senlleiras e, no me de febreiro, expoñerase “Nós somos elas” unha mostra da Deputación da Coruña.

|